O novo terroir dos galicismos neolóxicos na prensa en galego, español e catalán
Alexandre Rodríguez Guerra  1, *@  
1 : Universidade de Vigo  -  Site web
* : Auteur correspondant

Aproveitando que o 4ème CINEO se celebrará en Francia, na nosa investigación estudamos en detalle a repercusión da lingua francesa nas formacións neolóxicas da prensa en galego, catalán e castelán. Certamente, entre os empréstitos, o inglés converteuse no principal fornecedor léxico nas tres linguas obxecto de estudo. Agora ben, non é menos verdade que o francés ocupa un lugar de privilexio, sempre o fixo, cunha notable presenza tamén entre as neoformacións léxicas.

O noso traballo parte da análise dun corpus de prensa non especializada e moi actual (os últimos cinco anos). Para o galego valémonos do labor neolóxico desenvolvido polo Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo, que no ano 2017 recibiu un novo e importante pulo, e utilizamos o do Observatori de Neologia da Universitat Pompeu Fabra para o castelán e o catalán. Manexaren ambos os Observatorios unha metodoloxía de base común é o que nos permite adoptar unha perspectiva contrastiva.

Os dous obxectivos básicos que orientan o noso estudo son:

(a) Por unha banda, refinar a proposta metodolóxica para minimizar a inclusión, entre os posibles neoloxismos procedentes do francés, de palabras que non deberían recibir esa etiqueta (nomeadamente por seren préstamos históricos e/ou variantes de formas léxicas con tradición, mesmo lexicográfica, nos tres idiomas estudados).

(b) Por outra, pescudar as principais características destes novos empréstitos do francés: alén de avaliar o seu grao de neoloxicidade, comprobaremos se as súas propiedades son similares ás que historicamente posuíron os préstamos do francés, así como se esas características ‘organolépticas' coinciden nas tres linguas estudadas ou presentan especificidades. Finalmente, verificamos a similitude dos nosos resultados coas tendencias neolóxicas descritas para o francés contemporáneo e se é posible falarmos de internacionalismos de orixe francesa compartidos polas tres linguas peninsulares.


Personnes connectées : 1